IMPULSA, primera edición

Proyecto: 473

Asociación Educativa Politeia


As persoas que buscamos impulsar Politeia, profesionais da educación formal e non formal, pensamos que unha democracia real precisa, o primeiro de todo, de cidadás e cidadáns que crean nela e que contribúan a construíla. Por iso, queremos pór en marcha una asociación para a educación democrática. Unha educación que potencie o pensamento propio, a autoestima, o diálogo horizontal e o debate construtivo. E que fomente as actitudes que coidan da vida en colectivo, como son a escoita activa, a asertividade, a cooperación, a empatía e a igualdade. É na educación de hoxe onde nace o mundo de mañá.

Contexto territorial

O ámbito de intervención do proxecto será Galicia, que conta con 2.731.406 habitantes e un índice de desigualdade social que ascende a 4'8. O 31,3% dos fogares galegos subsiste unicamente grazas a prestacións e o 23'58% atópanse en risco de pobreza ou exclusión social, taxa que aumenta ao 26'31% cando falamos de familias con fillos a cargo. Ser menor aumenta o risco de exclusión e na nosa comunidade o 3% das estudantes son estranxeiras e corren maior perigo. A precaria situación das familias, o malestar social e a falta de estratexias para o diálogo déixanse sentir no aumento da conflitividade nas aulas, ata o punto de que o 22'4% das estudantes galegas/os manifesta ter sufrido episodios de acoso escolar. Ante a crecente desigualdade social, preocúpanos a desafección política e a escasa participación cidadá da mocidade, que nos procesos electorais que deciden a xestión do público é ata un 15% menor ca dos adultos. Nun contexto coma este son cada vez máis necesarias propostas educativas que doten aos educandos, dende idades temperás, de ferramentas e actitudes esenciais para a convivencia e a participación democrática. Con todo, estes temas deixan de ter cabida nun sistema educativo que elimina os espazos de reflexión, como Ed. para a Cidadanía ou Filosofía, e asfixia a profesoras e alumnos coa obriga de superar avaliacións externas que só dan valor aos coñecementos instrumentais. Coa vontade de facer dende o ocio o que non podemos facer nas aulas, nace Politeia.

Temáticas

  • Educación e igualdad

Descripción del proyecto

A educación contribúe de forma significativa a que sexamos o que somos. Con todo, a nosa educación democrática adoita restrinxirse a aprender o que é a separación de poderes, a importancia do voto e as institucións do Estado. A imposición de exames externos deixa pouca vía libre ao profesorado. As/os nenas/os, para o goberno, son un número no informe PISA, e aprender a decidir colectivamente é difícil de medir. As persoas que buscamos impulsar Politeia, profesionais da educación formal e non formal, cremos que a educación democrática implica moito máis. Implica aprender a escoitar, a expresarse con asertividade, a cooperar e a compartir. Implica sentir empatía, crer na igualdade, ver as cousas con perspectiva crítica e actuar con xenerosidade. Sen as actitudes que coidan da vida en colectivo, a democracia convértese nun “ring”. Así, Politeia quere contribuír á educación democrática da nosa sociedade promovendo esas actitudes nas rapazas e nos rapaces, a través de actividades dinámicas e participativas. Tamén busca fomentar a súa implicación social e a súa concienciación democrática. Non chega con cumprir dezaoito anos e votar cada catro anos, iso non é democracia. A democracia supón unha cidadanía activa e crítica, que cuestiona o dado, se interesa e decide por si mesma. Para iso, é fundamental comezar potenciando o pensamento propio, a autoestima, o diálogo horizontal e o debate construtivo. Porque pensamos que unha democracia real precisa, o primeiro, de cidadás e cidadáns que crean nela e contribúan a construíla, gustaríanos facer do proxecto de Politeia unha realidade. Queremos pór en marcha una asociación para a educación democrática, que poida servir de soporte a todo tipo de ideas que compartan os nosos propósitos. Temos proxectadas xa varias actividades que poderíamos desenvolver nos primeiros meses de vida da asociación e que describimos no apartado de metodoloxía, pero entendemos que iso sería só o comezo. Por unha democracia real, a cada paso.

Objetivos del proyecto

1. Promover entre a infancia e a xuventude valores de igualdade, cooperación, empatía e colaboración. Infundir tamén entre os rapaces e as rapazas un sentimento crítico e de responsabilidade individual e social. 2. Normalizar a interculturalidade entre os máis pequenos, achegándolles a realidade doutras culturas e países, rexeitando a xenofobia e o individualismo en favor dun sentir de humanidade unida, na que todas sexamos iguais en dereitos, respectando e valorando a diversidade cultural. 3. .Achegar aos máis novos aptitudes e comportamentos democráticos, promovendo a toma de decisións conxunta, o debate, a asertividade, as habilidades comunicativas e a participación. Concienciar aos rapaces e ás rapazas do seu papel como membros de dereito dun Estado democrático. 4. Fomentar a capacidade de participación e organización dos mozos e das mozas, dándolles así medios para exercer o seu papel regulador nas institucións educativas, democratizando as decisións institucionais dos centros de estudos. 5. Mellorar os medios e recursos didácticos dos profesionais da educación, facilitando a súa labor educativa e promovendo a transversalidade e a cooperación entre docentes, así como o interese pola educación en democracia das súas alumnas e alumnos.

Metodología del proyecto y fomento de la participación

O primeiro paso do noso proxecto consistirá en constituír formalmente a Asociación Educativa Politeia. Mentres, afondaremos nos contidos educativos que queremos transmitir, perfeccionando, así, as actividades planeadas. Ademais, gustaríanos contar con outra xente interesada en participar deste proxecto, para o que o banco de talentos resulta unha ferramenta fundamental. Despois, darémonos a coñecer a través trípticos informativos e poñerémonos en contacto con centros de educación primaria e secundaria para presentarlles as actividades da asociación, concertando a realización destas nos centros. Finalmente, faremos un gran xogo nun espazo público, poñéndonos en contacto con medios de comunicación, como forma de conseguir visibilidade e último paso da nosa fase de apertura. Por fin, comezaremos a desenvolver as actividades en colexios e institutos. Gustaríanos realizar un obradoiro de igualdade de xénero e unha dinámica de interculturalidade. Porque aínda que teñamos asumido o discurso de que “todxs somos iguais”, aínda queda moitísimo camiño por percorrer. Tamén queremos desenvolver unha dinámica de organización colectiva e un obradoiro de (de)construción económica. Por último, nos gustaría organizar unha xornada de intercambio de experiencias, na que poidamos seguir aprendendo e enriquecendo a nosa labor educativa. Podes consultar as nosas actividades aquí: (http://bit.ly/1H4zVHM); e enviarnos calquera achega ao mail: politeia@galicia.com.

Segmento poblacional objetivo del proyecto

A razón de ser deste proxecto é mellorar a formación democrática da mocidade e os seus protagonistas non poderían ser outros que as alumnas/os dos centros educativos, dende a Educación Infantil ata as mozas/os que cursan estudos post-obrigatorios non universitarios. As persoas que impulsamos Politeia estamos convencidas do poder do maxín colectivo para enriquecer toda proposta. Queremos aprender doutras experiencias e facilitar que outros aprendan das nosas, polo que abriremos tamén un espazo de intercambio e aprendizaxe mutuo para docentes, profesionais do tempo libre, AMPAS, asociacións xuvenís e colectivos implicados na formación das futuras cidadás e cidadáns. Para achegar as nosas propostas, e coa vontade de establecer un diálogo multidireccional, contaremos con diversas ferramentas de comunicación, tales como un teléfono de contacto, páxina web, e-mail, presenza activa nas RRSS e enquisas de avaliación das actividades que nos proporcionen un feedback continuo.

Cronograma y fases del proyecto

Data de comezo do proxecto: 1 de xullo de 2015. Fase 1: Xullo – Agosto. Creando a asociación. - Procedemos administrativos: solicitude, acta fundacional, estatutos e taxas. - Deseño gráfico propio, logo, páxina web e redes e sociais. - Creación e impresión dos folletos informativos. Compra dun selo propio e do seguro. - Adquisición de recursos materiais. Fase 2: Setembro. Os primeiros pasos. - Promoción: presencial, virtual, medios de comunicación. - Gran Xogo Cooperativo. - Contacto con colexios e institutos. Fase 3: Outubro – Novembro. Talleres e grandes xogos. - Desenvolvemento dos talleres (Igualdade e Economía) e dos grandes xogos (Participación e Interculturalidade) en colexios e institutos. Fase 4: Decembro. Intercambio e feedback: aprender e seguir construíndo. - Xornada de Intercambio de Experiencias. - Crear proxectos de futuro, seguir camiñando. Data de finalización do proxecto: 31 de decembro de 2015.

Presupuesto solicitado

Gastos para a creación da asociación: 400€ - Taxas dos procedementos administrativos: 35€ - Logo e deseño gráfico: 80€ - Deseño da páxina web: 80€ - Dominio web: 20€ - Selo: 35€ - Seguro de responsabilidade de civil: 150€ Recursos materiais para as actividades: 250€ - Gran xogo: 20€ - Obradoiro de igualdade: 60€ - Obradoiro (de)construíndo economía: 60€ - Dinámica de participación: 30 € - Dinámica de interculturalidade: 70€ - Xornada de intercambio de experiencias: 10€ (Os recursos materiais que precisaríamos para cada actividade podes velos en: http://bit.ly/1H4zVHM) Gastos de promoción: 150€ - Impresión de folletos: 150€ Desprazamentos: 200€ Total: 1.000€ Presupuesto detallado